CARACTERÍSTICAS DO PRG

CARACTERÍSTICAS DO PRG

mércores, 18 de decembro de 2013

OUTRO LIBRO PARA REGALAR POLO NADAL SOBRE O CABALO GALEGO

Acabamos de atopar outro, pero este só fala do cabalo galego. Agardamos que sexa do voso interese.

Título: El poni gallego. Hematología y bioquímica sanguínea.
Autores: Santamarina Pernas, Germán; Prieto Montaña, Felipe e Benedito Castellote, José Luís
Editorial: Diputación provincial de Lugo, Lugo, 1994

http://www.iberlibro.com/poni-gallego-Hematolog%C3%ADa-Bioqu%C3%ADmica-sangu%C3%ADnea-SANTAMARINA/4044916216/bd

mércores, 11 de decembro de 2013

ACABAMOS DE ATOPAR OUTRA REFERENCIA BIBLIOGRÁFICA NA QUE APARECE O PRG

Buscando libros sobre cabalos na rede, acabamos de atopar un moi interesante que fala sobre os cabalos salvaxes na Península Ibérica. Déixovos aquí a referencia completa e, se pinchades sobre a foto, iredes a unha librería que o vende:



Cavalos Selvagens Ibéricos
Edição/reimpressão: 2011
Páginas: 168
Editor: Bizâncio
ISBN:9789725304969


http://www.bertrand.pt/ficha/cavalos-selvagens-ibericos?id=11556563

mércores, 13 de novembro de 2013

A CRISE FOMENTA O CABALO DO PAÍS

O luns pasado, escoitamos a trantantes na feira cabalar do San Martiño que dicían que agora as persoas que mercan un cabalo apostan polos do país (PRG ou os seus cruzamentos), por cabalos de pouca alzada, pola súa resistencia, fácil e económica alimentación (só herba) e fácil coidado xa que nin sequera precisan ferraduras nin pensos.

Asemade, comentaban que mercar un cabalo de moita alzada "é comprar unha trampa xa que son cabalos delicados que, se se lesionan, son vendidos con sobremedicación para evitar coxeiras..." dicía un tal Secundino de Mouriscados (Mondariz) que leva toda a súa vida dedicado ao comercio dos equinos. Este home aseguraba que se algúns cabalos se venden hoxe en día estes son os pequenos.

sábado, 26 de outubro de 2013

PRG EN VILAMOR

O cineasta Ignacio Vilar, aposta polos cabalos do país e polos PRG na súa incrible película Vilamor, que non podedes perder. Bótadelle un ollo ao tráiler poderedes ver algúns: FASCINANTE!!!


martes, 22 de outubro de 2013

QUE VERGOÑA DE CAMPIONATO!!!

O sábado pasado, día 20 de outubro, tivo lugar na Feira Cabalar das San Lucas en Mondoñedo a "gran final" da Copa Galicia "PRG" que organiza e gaña a propia Asociación Pura Raza Cabalo Galego e, a verdade, non houbo sorpresas. Podedes ampliar a información AQUÍ.

Ah, e se ides á súa páxina web poderedes comprobar que xa nin publican alí nin resultados nin puntiacións, por que será.

luns, 21 de outubro de 2013

ÚLTIMO ANO E ÚLTIMOS POLDROS PARA O CONVENIO

Puraga acaba de enviarlles esta carta aos socios e socias para que lle comuniquen os poldros ou poldras (iso si, menores de 36 meses) que queiran vender. Estes poldros e poldras irán, en principio, para o CREAG (Centro de Referencia de Especies Equinas Autóctonas de Galicia) e, despois, (boa parte deles/as) para picadeiros, clubs hípicos, etc. en réxime de cesión.

Xa diciamos ao principio de ano que este era o último ano que a asociación ía comprar animais para o convenio que ten coa Xunta de Galicia.

Nesta páxina que vos achego, envíovos o comunicado tanto por se queredes vender (aínda que non sexades socios/as actualmente aínda vos podedes facer) como se queredes adquirir animais en réxime de cesión.




xoves, 17 de outubro de 2013

INTERESANTE CHARLA DE FELIPE BÁRCENA SOBRE O CABALO GARRANO GALEGO

Onte saía publicada esta noticia no Faro de Vigo sobre a conferencia que o zoólogo daba nas instalacións do Club Faro sobre o cabalo garrano galego e a ameaza administrativa que sofre por parte da Xunta de Galicia. Se tedes un minuto, lédea, a verdade é que non ten desperdicio. Xa había tempo que non se escoitaba unha voz tan franca.

domingo, 8 de setembro de 2013

NON SE PODE BOTAR O CARRO DIANTE DOS BOIS!

Xa o din os refráns: Non se pode botar o carro diante dos bois porque Mentras a burra non paire, non se sabe que cría sae. O pasado 18/06/2013 nacía o poldro que a Asociación Pura Raza Cabalo Galego lle ía regalar aos Álvarez Ortega. Con tan mala sorte que o poldro naceu con capa alazá, catralbo e coa cara branca. Agora non vale para marcar xa que o PRG non pode ser de ningunha capa distinta á castaña con crina e rabo negros ou á capa negra e non admite divisas (marcas ou manchas brancas). A verdade é que, despois de toda a publicidade que lle deron, foi mala sorte. Máis info AQUÍ.


Se cadra a asociación debería de facer dúas cousas: primeira, seleccionar mellor xeneticamente os cabalos e eguas proxenitores/as e; segunda, debería de revisar os premios que dá nos concursos morfolóxicos, ao mellor non están a premiar o mellor cabalo PRG.

venres, 6 de setembro de 2013

CABALOS PRG CON ARTE

Estas son as estatuas máis famosas que teñen como máximo expoñente a fermosura do PRG.

Praza de Vigo en Tui



Cruce dos Cabalos en Lalín

Praza de España en Vigo

martes, 3 de setembro de 2013

A PRÓXIMA PROBA DA COPA GALICIA, O 14 EN FERREIRA DO VALADOURO

A próxima proba da Copa Galicia PRG vai ter lugar o próximo sábado día 14 de setembro nas pistas de andadura de Ferreira do Valadouro. Máis info AQUÍ.


mércores, 21 de agosto de 2013

SOS GROBA-BLOG INTERESANTÍSIMO!!!

Neste blog, podedes atopar moita información sobre os curros e as rapas da Serra da Groba así como sobre o proceso de microchipado nos cabalos de monte desa zona do sur de Pontevedra.


Tamén o incluímos no apartado de ligazóns de interese deste blog.

luns, 12 de agosto de 2013

BOQUEIXÓN ESTREOU CONCURSO, FESTA E EXHIBICIÓN E MELIDE XA VAI POLO SEGUNDO

A pasada fin de semana, realizouse en Boqueixón o primeiro concurso de cabalos e eguas PRG e unha exhibición de doma de alta escola. O espectáculo correu a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Ademais fíxose con tres premios da categoría de sementais. A verdade, non hai mellores cabalos ca os seus (jjja!). Máis info AQUÍ.


Ademais, a Asociación O Bocelo levou adiante o segundo concurso de cabalos e eguas PRG puntuable para a Copa Galicia. Máis info AQUÍ.

venres, 2 de agosto de 2013

ESTE DOMINGO, DÍA 4 DE AGOSTO, NOVA PROBA DA COPA

A Copa Galicia PRG chega de novo a Curtis, Teixeiro (A Coruña) nunha nova edición da festa do cabalo. Achegámoslles o programa completo.


mércores, 31 de xullo de 2013

UN CABALO E UNHA ASOCIACIÓN PARA COMELOS!!!



A empresa El Jardín de mis Delicias que se dedica á repostería creativa comercializa este tipo de galletas con forma de PRG. Non deixedes de probalas, están riquísimas!!!

martes, 23 de xullo de 2013

O PRG EN LIBERDADE, CENTRO DUN NOVO ESTUDO

Laura Lagos, investigadora da Universidade de Santiago (USC) presentou a primeira tese sobre a ecoloxía dos ponis salvaxes de Galicia, un estudo desenvolvido ao longo de dez anos (tres deles de traballo de campo) e que vén confirmar que os cabalos salvaxes e os corzos son as principais presas da poboación de lobos que habitan nos montes de Galicia. Máis info AQUÍ.

martes, 2 de xullo de 2013

HERMOSO DE MENDOZA APADRIÑA DOUS CABALOS PRG

O famoso rejoneador apadriñou a dous cabalos, a Cotros e a Porteño, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Máis info AQUÍ.

domingo, 16 de xuño de 2013

JALISCO E PERLA, OS MELLORES DA SEMANA VERDE 2013

Onte tivo lugar o concurso morfolóxico oficial de cabalos e eguas de Pura Raza Galega que organiza a Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega-Puraga. O evento reuniu 7 exemplares machos e 13 femias que chegaron dende as 4 provincias galegas.

Jalisco, un fermosísimo cabalo de capa castaña, propiedade de Lino Freire e Perla, unha formidable egua de capa negra de José María Costa Blanco, gañaron cada un na súa categoría.

Aínda que gañaron dous exemplares de sobresaliente, o concurso estivo marcado tanto pola desproporción do tempo como pola forma de valoración das eguas fronte aos cabalos. Para valoralas a elas, e, para axilizar e tardar menos tempo, primeiro fixeron unha roda comparativa, ao xeito dos concursos morfolóxicos das vacas frisonas, onde quedaron fóra 6 dos 13 exemplares, e, a continuación o xuíz foi pedindo trote e inmobilidade na pista para cada un dos animais que continuaban na area. O caso é que, entre unhas cousas e outras, pasou unha hora. Mentres tanto, na sección de sementais, a duración foi de 15-20 minutos, ou sexa, unha media de 3 minutos por cabalo (recordemos que había 7). Xa que logo, parece unha valoración demasiado ás présas para que sexa rigorosa e seria.

É de destacar tamén, que, no concurso de onte, aínda que o prototipo racial oficial marca unha alzada á cruz de 1,20 a 1,40 cm, o xuíz deixou claro na súa valoración que prefería os pequenos e deixou fóra dos primeiros postos e incluso dos premios aos exemplares de maior alzada, aínda incluíndose correctamente dentro do rango de alzada do morfotipo.

Ao parecer, xa non é a primeira vez que estes concursos adoecen de falta de criterio de valoración de moitos dos xuíces/xuízas que tiveron, moi pouco ou ningún contacto con estes cabalos dende que fixeron o curso para poder exercer o seu papel de máximas autoridades. Así, por un lado, as dúbidas, e, por outro, os comentarios que lles fai o presidente da dita asociación dende un lateral da pista ou dende a propia mesa presindencial cando se achegaba o xuíz (non sabemos se acertados ou non pero si que daban mala imaxe e sospeita), mostran pouca crenza no resultado e pouca fiabilidade nos resultados. Se cadra, é por falta de reciclaxe e dun criterio unificador, rigoroso, acorde co descritor do prototipo racial oficial que publicou a Xunta de Galicia no seu día, etc.

Outras veces que amosaron esta falta de criterio, foi, por exemplo, no campionato que levaron a cabo no ano 2011 no que gañou unha egua de capa negra con despigmentacións de capa obvias; ou, incumprindo partes do seu propio regulamento de concursos (nun dos concursos participou o cabalo do propio presidente presentado por unha persoa sen a vestimenta oficial e, aínda que o semental tiña despigmentacións de capa na cara, quedou segundo); noutros dicían que a decisión do xuíz era inapelable cando no regulamento dicía totalmente o contrario, etc.

Agora ben, cómpre destacar tamén a amabilidade e o trato do director técnico da asociación cos criadores, ás veces un pouco despistado, pero sempre con boa intención e cun sorriso para os participantes.

mércores, 12 de xuño de 2013

A COPA GALICIA, CHAMADA INAPROPIADAMENTE DO PRG

Se entrades AQUÍ, podedes comprobar os resultados da Copa Galicia. Nos sementais, gañou sempre Porteño, o cabalo da asociación que organiza o dito campionato. Rumorea a xente do mundo do PRG que é, por un lado, para que a asociación (inapropiadamente chamada tamén Asociación Pura Raza Cabalo Galego) quede ela mesma co diñeiro para sobrevivir como tal (ao parecer, non lle chega co que cobra das subvencións: Xunta, Europa...), fixo isto dende que comezou a Copa (comprobade o palmarés de anos anteriores AQUÍ). E, por outro, para darlle publicidade ao cabalo que é pai do poldro que vai nacer e que lle vai regalar ao afamado Amancio Ortega (será que el non o pode pagar). Ou sexa, que o cabalo non gaña porque o valla.

Na sección de eguas, máis do mesmo. Vai gañando a egua do criador que máis gando leva a este certame, non a egua que máis vale (así volven dicir os/as afeccionados/as ao mundo do PRG). Asemade, tamén podedes comprobar que vai de terceira Furia de Oza, unha egua sen pasaporte de PRG; trátase dunha "egua cruzada que non pasou a valoración da comisión cualificada e apoderada para iso" (palabras dos propios xuíces).

Xa que logo, tanto nunha sección coma na outra, pódese comprobar a trampa que hai nun campionato subvencionado con fondos públicos. É unha vergoña que queden cos cartos das subvencións e dos premios!!!! U-lo o fomento e divulgación da raza?

Queremos avisar aquí desta circunstancia e animamos, dende o blog, a todos os criadores e futuros criadores a que se unan ao Campionato Oficial que organiza Puraga. Tampouco está exento de erros, pero polo menos é transparente nas putuacións e valoracións e a asociación mira máis polo criador e polos cabalos, que é realmente o obxectivo destas organizacións. Proba do bo facer é o número de participantes que hai nos seus concursos: 15 (fronte aos 3 ou 4 que participan na copa).

sábado, 8 de xuño de 2013

NOVO VÍDEO NO YOUTUBE SOBRE O PRG

Aínda que non sabemos quen fixo nin quen subiu o vídeo, a verdade é que é de agradecer este fabuloso vídeo sobre os PRG no concurso morfolóxico que tivo lugar en Celeiros (Ponteareas).

martes, 4 de xuño de 2013

AS RAPAS, BO SITIO PARA ATOPAR PRG


Nas últimas citas anuais das rapas das bestas, houbo moi pouca oportunidade para facer mercado debido á colocación obrigatoria do microchip que esixía a Xunta. Este ano, a Administración rectifica, será máis tolerable e o mercado volverá funcionar na zona de Pontevedra. 

No que vai de ano, xa se celebraron o curro da Valga (o 12 de maio) e o da Torroña (o pasado 2 de xuño) e vanse realizar tamén neste mesmo mes os de Mougás (domingo día 9), Morgadáns (domingo día 16) e San Cibrán (domingo día 23).

Isto é así, despois de todas as manifestacións e protestas que os criadores levaron adiante. Parabéns!!!

http://www.farodevigo.es/comarcas/2013/06/01/xunta-tolera-rapas-microchip-reanudaran/820732.html


mércores, 15 de maio de 2013

13-16 DE XUÑO: SEMANA VERDE DE GALICIA: CONCURSO MORFOLÓXICO, CONCURSO DE ALOITADORES...

Os próximos 13-16 de xuño, será a Semana Verde de Galicia que chega á súa 36 edición. Haberá: concurso morfolóxico, puntuable para o campionato oficial de cabalos e eguas PRG que organiza Puraga, a asociación que xestiona o libro xeneolóxico; concurso de aloitadores, con participantes de direrentes puntos de Galicia; concurso de salto con cabalos PRG, expositores... Entra AQUÍ para consultar todo.

CONCURSO MORFOLÓXICO DE CABALOS E EGUAS PRG EN TEO O VINDEIRO DOMINGO DÍA 19

Só haberá tres únicos premios e concursarán cabalos e eguas xuntos. Trátase dun concurso para afeccionados xa que non ten rango de oficial.


luns, 6 de maio de 2013

A PRÓXIMA CITA COA COPA, NA ASCENSIÓN

O vindeiro xoves, día 9 de maio, terá lugar a cuarta cita coa Copa Galicia de Cabalos e Eguas PRG no marco da feira anual santiaguesa da Ascensión. Na categoría de eguas, a situación está un pouco menos clara, pero na de sementais, Porteño, un cabalo que pertence á propia asociación organizadora, leva gañadas 3 de 3.

Tanto esta situación, que o cabalo da propia asociación gañe tantos concursos, como comprobar que nas outras edicións da Copa Galicia gañaron os propios cabalos da asociación, provocan un descontento social e desmotivación entre os socios-criadores. Asemade, failles pensar en posibles amaños nas puntuacións e clasificacións e en falsos xuíces que, aínda que posúen o título de xuíces oficiais, axudan nesta trama. Adoito, son xuíces destes concursos persoas que traballan ou traballaron para esta mesma asociación, que recibiron, ou reciben, algún tipo de remuneración por parte do nomeadamente secretario, etc.

Dende aquí gustaríanos, por unha banda, facer pública esta posible "inxustiza", e, por outra, facer reflexionar á asociación, na medida do posible, sobre as consecuencias prexudiciais que poden ter este tipo de prácticas sobre unha raza que atravesa unha difícil situación de perigo de extinción.

venres, 19 de abril de 2013

A FEIRA CABALAR NOIESA INCLÚE UNHA PROBA DA COPA GALICIA

A seguinte cita da Copa terá lugar na feira de San Marcos en Noia e incluirá un novo premio que consiste nunha medalla de ouro para asentar esta proba no calendario e na feira. De todos os xeitos, esperemos que non sexa para que a gañe e a leve a propia asociación. Máis info AQUÍ.


domingo, 7 de abril de 2013

ESPECTÁCULO ECUESTRE NA HOMENAXE AO CORPO DE CABALERÍA DRAGÓNS DE SANTIAGO

Mañá, luns día 8 de abril, arredor das 12.00, haberá un espectáculo ecuestre fantástico da man da sección de doma de alta escola da Asociación Pura Raza Cabalo Galego no marco da Feira Cabalar de San Telmo en Tui. Máis información AQUÍ.


mércores, 3 de abril de 2013

ROUBAN, INDISCRIMINADAMENTE, CABALOS PRG NOS MONTES DO SUÍDO

O tráfico e roubo de gando do monte semella aumentar coa crise. Tanto é así que está afectando gravemente aos criadores e criadoras. Máis info AQUÍ.

domingo, 31 de marzo de 2013

O DOMINGO DÍA 7 DE ABRIL TERÁ LUGAR UN CONCURSO MORFOLÓXICO NA ESTRADA

O próximo domingo, desvinculado de calquera asociación en defensa do PRG, levarase a cabo, na tradicional Feira Cabalar de Pascua da Estrada, un concurso de cabalos e eguas de raza galega. Aínda que os premios son bastante baixos economicamente (se os comparamos coas outras razas), son moi importantes este tipo de iniciativas para os nosos cabalos e para os seus criadores/as. Se queres ampliar a información sobre o evento, podes pinchar sobre a foto.


A COPA GALICIA, POR CAMIÑO EQUIVOCADO

Hoxe tivo lugar o primeiro concurso do ano 2013 puntuable para a Copa Galicia. E, ao parecer, unha vergoña. No certame, proclamáronse campións Regavella e Porteño, os dous, propiedade da asociación organizadora, a saber, Asociación Pura Raza Cabalo Galego, da que é director técnico, presidente, etc. etc. o afamado actor-presentador Xacobe Pérez Paz. Asemade, concursou unha egua, de nome Furia de Oza, que non posúe pasaporte de pureza racial (algo que prohibe totalmente o regulamento e é totalmente ); é unha egua cruzada. Non é estraño, polo tanto, que só asistisen 3 criadores. Podedes consultar os resultados AQUÍ.

A Copa Galicia, dende o punto de vista da inmensa maioría dos criadores, segue polo camiño equivocado. Cada ano perde criadores, cada ano perde adeptos, cando o seu obxectivo debería ser totalmente o contrario.

Pola contra, Puraga, a outra asociación encargada de fomentar a cria de cabalos PRG, aínda que tamén ten algún falliño, chega a concentrar uns 15 criadores en cada unha das probas do campionato oficial. Os seus concursos están libres de toda polémica, os cabalos preséntanse coa debida documentación e os xuíces deciden os gañadores (non está todo amañado previamente, coma no outro caso).


domingo, 17 de marzo de 2013

ACABA DE CHEGARNOS O CALENDARIO COMPLETO DOS CERTAMES QUE LEVARÁ ADIANTE A ASOCIACIÓN PURA RAZA CABALO GALEGO

Como non se le moi ben na foto, imos poñer, a continuación, todos os certames:

Día 31 de marzo
Feira Cabalar de Pascua de Padrón
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Praza de touros portátil no Campo da Barca, Padrón, A Coruña

Día 8 de abril
Feira Cabalar de San Telmo
Exhibicións de doma
Lugar: Recinto da feira cabalar, Tui, Pontevedra

Día 25 de abril
Feira Cabalar de San Marcos
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Recinto da feira cabalar, Noia, A Coruña

Día 5 de maio
Festa Cabalar da Insua
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Hípica Amazonas, A Insua, Pontecaldelas, Pontevedra

Día 9 de maio
Feira Cabalar da Ascensión
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Recinto feiral de Amio, Santiago de Compostela, A Coruña

Día 18 de maio
Festa de Santa Rita
Exhibicións de doma
Lugar: Explanada TIR-Porto, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra

Días 14, 15 e 16 de xuño
Semana Verde de Galicia
Exposición de exemplares PRG e exhibicións de doma e enganche
Lugar: Recinto feiral da Semana Verde de Silleda, Pontevedra

Día 4 de agosto
Festa Cabalar de Teixeiro
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Campo da festa cabalar en Teixeiro, Curtis, A Coruña

Día 11 de agosto
Festa Cabalar do Bocelo
Concursos morfolóxicos PRG
Lugar: O Bocelo, Melide, A Coruña

Día 14 de setembro
Equiouro
Concursos morfolóxicos PRG e exhibicións de doma
Lugar: Pista de competicións de andadura de Ferreira do Valadouro, Ferreira do Valadouro, Lugo

Día 20 de outubro
Feira Cabalar de Mondoñedo
Concursos morfolóxicos PRG-Final da Copa Galicia PRG
Lugar: Campo dos Paxariños, Mondoñedo, Lugo

*Os premios para os concursos serán os establecidos polos comités organizadores de cada proba, pero sempre haberá un mínimo de tres premios por categoría (eguas e sementais)
*Os comités organizadores poderán aumentar os premios a un cuarto e quinto posto.

luns, 11 de marzo de 2013

O PRG É ALGO MÁIS CA UN CABALO, É UN XEITO DE VIDA

No capítulo do día 06/03/2013 do programa televisivo da TVG Cos pés na terra, coñecemos a Toni, un mozo que traballa como coidador e domador de cabalos PRG no Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia. A verdade é que é todo un espectáculo todo o que fan con estes animais. Podedes velo se pinchades AQUÍ. O capítulo titúlase: Toni, adestrador de cabalos, e Elena, zoqueira

ESTE ANO NACERÁ O/A PRIMEIRO/A PRG QUE VESTIRÁ DE ZARA

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego regalaralle un/unha poldro/a, que nacerá esta primavera en Boqueixón no Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, ao neto do afamado empresario Amancio Ortega. O/A poldro/a será fillo da egua Regavella e do cabalo Porteño, ambos os dous cun excelente pedigree.

Máis info AQUÍ ou AQUÍ.


martes, 5 de marzo de 2013

A COPA GALICIA SEGUE O SEU CURSO

A pesar do malestar entre a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e os criadores (porque en edicións anteriores concursaron eguas sen pasaporte que non eran puras, a asociación premiou sempre os seus propios cabalos, foi sospeitosa en numerosas ocasións de manipular as puntuacións e as valoracións dos xuíces, incumprindo, así, o Regulamento do concursos oficiais, etc.) que difamou bastante este campionato (sen contar os cabalos da asociación, só se presentaron nos concursos do  2012 un, dous ou un máximo de tres criadores), a Copa Galicia segue en pé durante o ano 2013. O primeiro concurso será na Semana Santa en Padrón, en concreto, o día 31 na Feira Cabalar de Pascua. E, o segundo, na tradicional Feira de San Marcos de Noia o día 25 de abril.

Máis info AQUÍ.


venres, 22 de febreiro de 2013

O XA TRADICIONAL CONCURSO DE CABALOS E EGUAS PRG DA PASCUA ENTRARÁ NO CALENDARIO ESTATAL

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego agora incorpora os seus certames ao calendario dos concurso de gando selecto do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. O primeiro deles será o 31 de marzo de 2013 na Feira Cabalar de Pascua en Padrón.

Máis información AQUÍ.

martes, 12 de febreiro de 2013

UN PRG SERÁ A ILUSTRACIÓN DA LOTARÍA

Adragonte, un exemplar PRG da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, será a ilustración que levarán os décimos de lotaría nacional do día 21 de febreiro.



Máis información AQUÍ ou AQUÍ

luns, 11 de febreiro de 2013

A ASOCIACIÓN PURA RAZA CABALO GALEGO QUENTA MOTORES E PREPARA UN NOVO ESPECTÁCULO PARA O 2013

Acabamos de informarnos, no blog dos Cabaleiros Os Trotamundos da Agolada, de que a Asociación Pura Raza Cabalo Galego está a preparar un novo espectáculo que desenvolverá en moitas das feiras cabalares deste ano. Novos número, nova vestimenta e un longo etc. de sorpresas.

Se queredes máis info podedes premer AQUÍ. Abaixo podedes ver dous vídeos de dúas exhibicíóns que se fixeron en anos anteriores. Botádelle un ollo, non teñen desperdicio. En Youtube poderedes ver moitos máis con moitos máis exercicios.




mércores, 6 de febreiro de 2013

ÉRASE UN PAÍS APEGADO AOS CABALOS, ÉRASE UNHA PARROQUIA QUE NON VIVÍA SEN BESTAS

Producciones Trípode pretende, neste traballo, condensar e explicar en 18 minutos, a orixe, evolución e actual desenvolvemento da rapa das bestas de Sabucedo (A Estrada).

venres, 1 de febreiro de 2013

2013 SERÁ O ÚLTIMO ANO PARA VENDER/MERCAR POLDROS/AS PARA O CONVENIO

O convenio de colaboración que Puraga asinou coa Xunta para mercar poldros, facer un estudo e testaxe dos animais e cedelos a clubs ou particulares chega ao seu remate de compra este ano. Xa que logo, este será o último ano, dos catro que estipulaba o contrato, no que a dita asociación mercará poldros/as aos criadores.


mércores, 9 de xaneiro de 2013

BLOGS QUE PAGAN A PENA

Surfeando na rede sempre se atopan cousiñas moi interesantes e atopei isto:

- Un blog sobre películas que teñen como protagonistas a cabalos: 
http://www.cineycaballos.blogspot.com.es/

- Outro sobre os cabalos en xeral:
http://acaballoourense.blogspot.com.es/

- E estes dous sobre rutas, concursos, etc. en Galicia:
http://ostrotamundosdeagolada.blogspot.com.es/
http://cabaleirosdotambre.blogspot.com.es/

Tres deles xa os coñecía e tan só quería que souberades que existen e que están xeniais.

Buscar neste blog

ARTES E AZABACHE DEMOSTRANDO A SÚA DOMA DE ALTA ESCOLA

ARTES E AZABACHE DEMOSTRANDO A SÚA DOMA DE ALTA ESCOLA

BIBLIOGRAFÍA

Bongianni, Maurizio (1995): Guía das raças de cavalos. Lisboa, Editorial Presença.

Cabada Castro, Manuel (1992): A rapa das bestas de Sabucedo. Vigo, Ir Indo.

Caetano, Paulo (2011): Cavalos selvagens ibéricos. Lisboa, Bizâncio.

Carreiro, Pepe (2008): O cabalo galego. A Nosa Terra.

Checa Cortés, María Luisa (2005): Análisis de la variabilidad genética en razas equinas autóctonas españolas detectada mediante microsatélites. Tesis Doctoral.

Conde Gómez, Diego (2013): Veterinaria e mellora pecuaria na Galicia contemporánea. O papel de Juan Rof Codina. Santiago de Compostela, USC.

Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (2002): Manual do criador. Xunta de Galicia.

Consellería do Medio Rural (inédito): Manual de formación en materia de transporte animal. Benestar animal e movemento pecuniario.

García Fernández, Miguel (2009): Ferro ardendo. Documental 20'.

González Troncoso, Joaquín (2007): Nós, andadura. Federación Hípica Galega.

Groba Bouza, Fernando (2010): "A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual" en Cadernos de Fraseoloxía Galega 12. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Groba Bouza, Fernando (2011):"Onde hai eguas, poldros nacen. A realidade vista dende os equinos" en Cadernos de Fraseoloxía Galega 13. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Lagos Abarzuza, Laura (2013): Ecología del lobo (Canis lupus), del poni salvaje (Equus ferus atlanticus) y del ganado vacuno semiextensivo (Bos taurus) en Galicia: interacciones depredador-presa. Universidade de Santiago de Compostela.

López Bao, José Vicente et alii (2013): "Indirect Effects on Heathland Conservation and Wolf Persistence of Contradictory Policies that Threaten Traditional Free-Ranging Horse Husbandry." en Digital CSIC.

Moreda, Eva (2009): O país das bestas. Biblos.

Moure, Gonzalo (2008): Son un cabalo. Kalandraka.

Pomerová, M. et alii (2014): "Worldwide frequency distribution of the 'Gait keeper' mutatio in the DMRT3 gene" en Stichting International Foundation for Animal Genetics, 45, páxs. 274-282.

Pose Nieto, H. et alii (2001): "Actuaciones para la conservación del cabalo galego de monte" en Archivos de zootecnia, vol. 50, núm. 189-190, páxs. 251-258.

Pose Nieto, H. et alii (2001): "La conservación de los recursos genéticos animales en peligro de extinción de Galicia" en Archivos de zootecnia, vol. 50, núm. 189-190, páxs. 279-290.

Pose Nieto, H. (2003): Guía dos curros de Galicia. Vigo, Xerais.

Pose Nieto, H. e Vázquez Varela, J.M. (2005): "Nuevos datos y perspectivas sobre la domesticación del caballo: los caballos criados en régimen de libertad en Galicia, Noroeste de España" en MUNIBE (Antropología-Arkeología) 57, Homenaje a Jesús Altuna. San Sebastián.

Ripalda, Xosé Lois (2004): O cabalo ceibe. Vigo, Ir Indo.

Santamarina Pernas, Germán; Prieto Montaña, Felipe e Benedito Castellote, José Luís (1994): El poni gallego. Hematología y bioquímica sanguínea. Lugo, Diputación provincial de Lugo.

Teniente, Xavier e Guillermo, Xosé (2009): Cabalos de vento. Curros de pedra. Vigo, Xerais.

VV.AA. (2001): Razas autóctonas de Galicia en peligro de extinción. Xunta de Galicia.

Zunzunegui Costas, Salvador: Os Alfaraces da Limia.